Friday 10 de May de 2024

A Coruña acolle esta fin de semana a final a catro da  WSE Champions League de hóckey a patíns feminino 


A alcaldesa, Inés Rey, desexou sorte aos equipos participantes,  especialmente ao Hockey Club Coruña, na recepción oficial 

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu esta tarde no  Palacio Municipal de María Pita aos equipos participantes na final a catro da WSE  Champions League de hóckey a patíns feminino, a máxima competición a nivel continental  desta disciplina deportiva. A rexedora estivo acompañada por Manuel Vázquez, concelleiro  de Deportes; e autoridades e representantes das demais administracións e entidades  deportivas colaboradoras, entre elas o presidente da Federación Española de Hockey,  Carmelo Paniagua. Tamén estiveron presentes xogadoras e directivas dos catro equipos  participantes: Hockey Club Coruña, Club Patín Fraga, Hoquei Patins Vila-Sana e Hoquei  Club Palau. 

A alcaldesa celebrou o gran estado de forma do deporte feminino na cidade. “Esta  temporada e o logro de chegar a esta fase final por parte do Hockey Club Coruña quedarán  escritos para sempre na historia do deporte feminino na cidade”, sinalou. Ademais, a  rexedora celebrou que a cidade volva a acoller un grande evento deportivo. “Ademais da  Final Four teremos un torneo de categorías inferiores en Riazor que converterá á Coruña na  capital do hóckey feminino”, indicou. 

A competición desenvolverase no Palacio dos Deportes de Riazor. A primeira semifinal será  este sábado ás 17.00 horas entre Vila-Sana e Hoquei Club Palau. Ás 19.30 horas será a  quenda de Club Patín Fraga e Hockey Club Coruña. O domingo ás 12.00 horas terá lugar a  gran final, tamén no Palacio dos Deportes. De maneira paralela celebrarase na cidade  deportiva de Riazor un campionato sub-17 e sub-13 que enfrontará a diferentes equipos  nacionais e galegos.

Deja un comentario